Recuperación e posta en valor do monte Santa Trega

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio de colaboración entre a institución provincial, o concello da Guarda, o Padroado Municipal Monte Santa Trega e a Comunidade Veciñal de Montes en Man Común de Camposancos para o desenvolvemento do protocolo xeral que servirá para a posta en valor e recuperación dos xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra, entre os que se atopa o xacemento arqueolóxico de Santa Trega, declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931. A Deputación achega, ao abeiro deste convenio, a cantidade de 683.379,60 €.

Os traballos de escavación no Castro de Santa Trega aos que fai referencia este convenio de colaboración, que remataron no pasado mes de maio, deron como resultado o achado de máis de 40.000 pezas e 43 estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares. 

Os traballos, que se realizaron nunha área de 2.642 metros cadrados, permitiron amosar que o período de ocupación do castro que se tiña por certo ata entón non era real. O arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, sinalou que, mentres que se pensaba que o período abranguía entre os séculos I a.C. e I d.C., "as probas de Carbono 14 realizadas veñen a confirmar que a ocupación se iniciou antes do século IV a.C., e mesmo atopamos vestixios que indican que puido ter lugar xa no século VIII a.C.".

O convenio firmado co Concello, Padroado e Comunidade veciñal atópase enmarcado dentro do Protocolo Xeral para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra asinado entre a Deputación provincial e o Ministerio de Fomento. Deputación e Ministerio desenvolveron este protocolo coa finalidade de propiciar a transmisión do coñecemento dos bens arqueolóxicos á sociedade, ademais da súa valorización, ao considerar que o seu aproveitamento turístico representa un eixo importante para a estratexia de promoción turística provincial.

A institución provincial contribúe no financiamento deste proxecto cun importe de 2.131.350 €, e nel está a desenvolver tarefas de limpeza, mantemento, accesibilidade e sinalización, difusión e promoción, escavación, museización e dixitalización.