Ponte turística plena en Lugo

Preto de 900 persoas pasaron entre este venres e luns pola Oficina Municipal de Turismo de Lugo, máis de 250 persoas máis que as mesmas datas do pasado ano. Así o anunciou este martes a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que o centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu nesta ponte a un 60% máis de turistas con respecto á última ponte, a do 17 de maio. O venres foi o día que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, preto de 300, atendendo o 60% dos visitantes ao mediodía, entre as 12:00 e 14:00 horas, aproximadamente. 

A edil, quen remarcou a boa acollida das actividades previstas para os días pasados on concertos na rúa, un festival de rock e unha andaina, entre outros, destacou a tendencia á alza do turismo tanto mes tras mes, como nas pontes festivas. 

Durante o 22, 23, 24 e 25 de xullo pasaron pola oficina 784 visitantes nacionais, o que supón un 88% do total, superando con creces aos turistas galegos. Dentro da comunicade galega, os visitantes máis interesados por Lugo foron os coruñeses. Polo que respecta a turistas foráneos, achegáronse máis dun cento en tan só catro días, dos cales un 70% son europeos. Tamén visitaron Lugo uns 35 americanos.