Peregrinaxe dende a Antárttida

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, recibiron en Pontevedra a un grupo de máis de setenta peregrinos que iniciaban hoxe o tramo final da Primeira Peregrinación polo Camiño de Santiago Antártico, que partiu da Antártida o 28 de febreiro desde a base española Gabriel de Castilla, situada na Illa Decepción do arquipélago das illas Shetland do Sur, a máis de 14.000 quilómetros de Compostela.

Os peregrinos participantes, que eles mesmos se denominan “pingüirinos”, partían da cidade do Lérez para dirixirse ata Compostela a través da ruta que atravesa o Salnés e continúa en barco pola ría de Arousa ata Padrón para seguir despois a pé. A súa chegada á cidade do Apóstolo está prevista para o vindeiro xoves, 7 de xullo.

 O proxecto está promovido pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e tamén participan membros da Armada, do Exército de Terra, do Instituto Hidrográfico da Mariña e do Instituto Xeográfico Nacional. Estes dous últimos organismos documentarán a experiencia. Concretamente, participan militares da dotación do buque de investigación oceanográfica Hespérides e da XXIX Campaña Antártica do exército de terra.