Ochenta e catro millóns de euros para os GDR

Os 24 territorios nos que se divide Galicia para o reparto dos investimentos do Programa Leader presentaron as súas estratexias de cara ao desenvolvemento das súas comarcas para os próximos catro anos. Trátase dun paso máis de cara á constitución definitiva dos GDR que contarán cun orzamento de 84 millóns de euros financiados nun 75% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Rematado o período de presentación de proxectos, comeza a fase de análise por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Aínda que o prazo máximo é de 4 meses a Consellería intentará axilizar ao máximo posible este proceso co fin de pór en marcha canto antes as iniciativas de cada GDR. 

Cada grupo recibirá un mínimo de tres millóns de euros para desenvolver a súa estratexia e a partir desa cantidade as achegas poden incrementarse en función da valoración que se faga dende a Consellería en base á estratexia xeral xa aprobada. 

Os principais obxectivos do programa LEADER para o período 2014-2020 son o de mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar servizos á poboación das zonas rurais, favorecendo a mellora do seu nivel de vida, a inclusión social e a redución da pobreza.

Con estes investimentos tamén se persegue favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc., así como garantir que a actividade no medio rural sexa sustentable, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais.