O Pan de Cea está de festa

Xa está todo listo para a celebración da XXV Festa de Exaltación do Pan de Cea. Degustacións, showcookings e música centrarán parte do amplo programa organizado para estas vodas de prata da celebración.

Os actos darán comezo este sábado cunha nova edición da xa consolidada Ruta dos Fornos pola vila de Cea. Nesta ruta, que se desenvolverá entre as 19.00 e as 22.00 horas, participan os catro fornos tradicionais -o da Parapeta, o do Santo, o do Abade e o do Lodaira ou Panadeira- que disporán de pinchos e viño para os visitantes. Esta actividade contará coa animación do grupo “Vai de Baile”.

Tamén, un ano máis, terá lugar a cociña en vivo da man da chef ourensá Emma Pinal, quen ás 17.30 h na Praza Maior elaborará diferentes pratos cos máis cativos, quenes despois deixarán paso os maiores que poderán probar a súa arte nos fogóns ás 19.30 horas ou ás 20.30 horas no mesmo lugar. A xornada do sábado pecharase cun concerto de LICHIS (ex-Cabra Mecánica), a partires das 23 horas na Praza Maior.

Tras a troula do sábado, chegará o día grande da festa, o domingo 3 de xullo ao Campo da Saleta de San Cristovo de Cea. Para esta xornada repartiranse entre os asistentes 2.700 pezas deste produto con Indicación Xeográfica Protexida.