Medalla Silver Gilt para Turismo de Galicia

Turismo de Galicia recibirá a medalla Silver Gilt na exposición floral anual Hampton Court Palace Flower Show de Londres. Galicia participa cun xardín de camelias que ten como motivo central a peregrinación para promover dous recursos turísticos de especial significación na Comunidade como son a Ruta da Camelia e o Camiño de Santiago.

Neste sentido, Turismo de Galicia tamén contará cun posto informativo dende o que se distribuirá información turística da Comunidade, especialmente da Ruta da Camelia e da Ruta dos Viños. Ademais, o operador turístico británico Ramblers Holidays e o galego Always in Spain presentarán ao público británico os paquetes turísticos con destino Galicia que teñen nos seus catálogos.

A Hampton Court Palace Flower Show é unha das feiras anuais de xardíns e exposicións de flores máis importantes do mundo. Ten lugar no recinto do Palacio de Hampton Court, en Londres, e está organizada pola Royal Horticultural Society.

O espazo de exposición abarca 33 hectáreas e o tempo medio de visita é dunhas 5 horas. Na pasada edición participaron 600 expositores e foi visitada por máis de medio millón de visitantes.