IXP Mel de Galicia á cabeza das denominacións de calidade do territorio español

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, con Esther Ordóñez Dios á cabeza recorre o 2016 cun incremento das altas no rexistro de explotacións con respecto a anos anteriores, así coma un ascenso no número de novos apicultores que apostan pola apicultura coma un modo de vida sustentábel, tanto a nivel profesional, coma complemento da renda. 

Segundo os datos, o número de apicultores inscritos continúa in crescendo, superando o dobre con respecto a anos anteriores nestas datas. Ao que teriamos que sumarlle as novas solicitudes de altas que se prevén ata finais de ano, presentaran xa no que correu de ano —datos que reafirman a disposición dos apicultores a profesionalizarse—. 

Con respecto as colmeas, neste 2016 Mel de Galicia sumou 2.777 colmeas, quintuplicando o número con respecto a estas datas do ano anterior, cifra que prosegue en ascenso. Por se isto soubese a pouco, o Consello Regulador certificaba un 30% de mel mais no peche de 2015, porcentaxe que xa conta superar neste ano. Estes datos continúan a situalo á cabeza das denominacións de calidade do territorio español —tanto en número de inscritos, como de colmeas e mel certificada—, abrindo novos mercados cara EE.UU, Inglaterra e China.

No tocante ás colleitas, ainda é difícil dar cifras exactas antes da retirada de mel das colmeas, debido sobre todo á estraña climatoloxía que se deu esta tempada. A consecuencia das inclemencias do tempo, o Consello Regulador afirma que a colleita na costa verase afectada, mentres que no interior se espera que se salve grazas á silva e ó castiñeiro.

Con estas cifras de produción, a apicultura galega continúa a demostrar a súa importancia dentro do sector agrícola da comunidade. Cabe recordar que esta actividade estaba presente dende hai séculos, con todo, na súa maioría non era considerada actividade profesional, senón complemento das explotacións típicas galegas. No entanto, nos últimos anos a apicultura moderna constitúe unha posibiliade de negocio sustentábel real, especialmente para os mais novos.