Inspeccións moi xacobitas

Turismo de Galicia, dentro da súa política de garantir a calidade dos aloxamentos que empregan os peregrinos, vén de realizar un operativo especial de vixilancia nestes establecementos no Camiño Francés, especialmente nos albergues de peregrinos, para garantir un servizo axeitado e conforme ao disposto na normativa vixente.

Con esta actuación Turismo de Galicia realizou labores de inspección nun total de 112 establecementos de aloxamento e levantou un total de 52 actas de infracción ou requirimento. Dos 112 establecementos, visitáronse 78 albergues, 18 pensións, 10 de turismo rural, 5 hoteis e unha vivenda turística. Das 52 actas levantadas, 35 foron de infracción ou requirimento por exceso de capacidade e 17 por falta de documentación.

O motivo polo que se decidiu organizar este dispositivo especial, levada a cabo en xuño e xullo, é o incremento no número de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago durante a época estival, co risco que iso supón para a redución da calidade do servizo se se produce un exceso de capacidade nos establecementos de aloxamento, así como ser unha infracción tipificada.

Turismo de Galicia continuará desenvolvendo esta función inspectora para garantir o cumprimento da normativa en materia de aloxamentos e favorecer así unha oferta en condicións de calidade, obxectivo fundamental da recentemente aprobada normativa sobre albergues turísticos.