Galicia ten un 40% executado do Plan de Turismo Termal

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou que Galicia xa ten un 40% executado do seu Plan de Turismo Termal, aprobado para o período 2014 – 2020, ao ter realizadas 31 das 71 actuacións previstas e que supuxeron unha achega superior aos 5 millóns de euros. A directora fixo estas declaracións con motivo da súa participación no curso Termalismo: deporte e saúde en Galicia como destino termal organizado pola Universidade de Vigo.

Neste sentido, Nava Castro puxo como exemplos máis salientables do traballo realizado polo seu departamento a recuperación de balnearios abandonados ou de nova construción, como é o caso do Balneario de Cortegada, inaugurado en marzo de 2015; a conversión da Fortaleza de Monterrei nun Parador; as obras de rehabilitación e acondicionamento iniciadas no Mosteiro de San Clodio, en Leiro, por importe de 950.000 euros para a creación dun spa de viñoterapia, con remate previsto a finais deste ano; ou a creación dunhas termas en Lobios, na beira do Miño.

A maiores, a directora enxalzou que están creando novas rutas turísticas para poñer en valor e difundir os recursos turísticos asociados á auga termal e mineromedicinal. Segundo explicou, este é o caso de Verín, onde xa se inaugurou a Ecovía Fluvial do Támega e se presentou a guía turística onde se recollen todos estes recursos.

Así mesmo, Nava Castro expuxo que o Plan contempla iniciativas de participación en redes e establecemento de alianzas para actuacións como a sinalización das vilas termais de Galicia, cun investimento de 601.000 euros, ou a incorporación tanto da provincia de Ourense como da Comunidade galega á European Historic Thermal Tows Association EHTTA. 

Segundo dixo a directora, tamén se realizan labores de promoción como a asistencia ás máis importantes feiras de turismo termal, como é o caso de Termatalia, co fin de dar a coñecer a oferta da Comunidade tanto aos especialistas como ao público en xeral interesado nas terapias e tratamentos relacionados co turismo de saúde.