Este sábado, Día do Traxe Galego nas festas do Apóstolo

O XXXVII Día do Traxe Galego comezará ás 11:30 horas co tradicional desfile dende a Alameda ata a praza do Obradoiro, pasando por Porta Faxeira, praza do Toural, rúa do Vilar e Praterías. Para participar non é preciso inscribirse, só presentarse no paseo central da Alameda cuns minutos de antelación. 

Ao remate do desfile, os participantes que o desexen asistirán ás doce do mediodía á misa na Catedral de Santiago, onde realizarán a Ofrenda ao Apóstolo. Despois, ao redor das 13:30 horas, haberá unha recepción de honra no Pazo de Raxoi.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, os participantes no Certame do Traxe concentraranse en San Domingos de Bonaval. Ás 19:30 comezará o desfile dos concursantes, dos membros da Asociación do Traxe Galego e de todo aquel que desexe participar.

O percorrido previsto é a rúa de Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, rúa Nova, rúa do Vilar, Praterías, Conga e praza da Quintana. Alí, aproximadamente ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios do certame. 

No mesmo acto, entregaranse os galardóns anuais da Asociación do Traxe galego ás persoas ou institucións que se teñan destacado polo seu labor na promoción e difusión do traxe tradicional galego. A xornada pecharase coa interpretación do Himno Galego.