Conferencia de Cidades do Arco Atlántico na Coruña

 O vindeiro novembro A Coruña acollerá a Conferencia das Cidades do Arco Atlántico. Así se decidiu durante a xornada no buró executivo deste organismo que se celebrou na cidade francesa de Brest e ao que acudiu o alcalde, Xulio Ferreiro. 

O rexedor saudou este feito, e subliñou que o evento será especialmente importante. "Demostra unha vez máis o peso e a visibilidade que ten a nosa cidade xa non só a nivel estatal, senón tamén internacional", explicou o primeiro edil, que recordou que, sen ir máis lonxe, Cork, a segunda cidade máis importante da República de Irlanda, acaba de unirse a esta entidade.

"A elección da Coruña para acoller esta conferencia será moi proveitosa", comentou Ferreiro, quen recordou que "a nosa cidade estase a convertir nun referente en moitos foros municipalistas nos que está a aprender, e tamén a ensinar as súas experiencias". "Cremos, e así se está a confirmar, que as nosas políticas de colaboración supramunicipal estanos a traer moitos réditos positivos", afirmou, á vez que recordou o potencial desta Conferencia, no que "entre outros asuntos, se falará sobre actividades relacionadas co turismo sostible e diversas actividades de tipo colaborativo entre distintos territorios que teñen a marca atlántica como referente".

A Coruña forma parte da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico, órgano no que ostenta a presidencia dunha das tres comisións temáticas que posúe, en concreto a relativa a Cidades Creativas. O citado organismo traballa dende o ano 2000 co Foro Urbano Atlántico e ten entre os seus obxectivos buscar a cooperación dos seus membros e destes con outros atores, así como sensibilizar as institucións europeas das cuestións que atinxen ao conxunto de cidades atlánticas. 

A comisión que preside A Coruña ten como obxectivo definir as liñas de traballo que permiten deliñar a identidade cultural das cidades atlánticas, a través de accións de innovación en áreas como as do turismo sostible ou os territorios creativos. A posta en valor das rutas ou os museos atlánticos e outras propostas culturais quevan dende festivais até as conexiós das cidades atlánticas con outras culturas, como a americana ou a africana.