A Xunta traballa na elaboración dun decreto de artesanía alimentaria

A Xunta de Galicia traballa, e xa eran horas, na elaboración dun decreto de artesanía alimentaria. Con este decreto preténdese recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía alimentaria representa para Galicia, e preservar e conservar as pequenas empresas familiares que elaboran produtos alimenticios.

Pártese do feito de que Galicia conta cunha gran tradición na elaboración de produtos alimentarios artesanais, que forman parte da súa cultura popular e que gozan dun alto aprecio entre os consumidores, mesmo fóra da comunidade. A elaboración destes produtos ten contribuído non só a engrandecer a riqueza cultural de Galicia senón á creación dunha economía básica para moitas familias do medio rural.

Por iso, a regulación da artesanía alimentaria debe contemplar a súa vinculación á produción de materias primas de calidade, a estruturas produtivas familiares, ao medio rural e á súa tradición e cultura, á calidade dos produtos e á protección do medio natural, entre outros factores específicos.