A Xunta leva destinados 25 millóns de euros as industrias agroalimentarias

A Xunta leva achegados este ano 25 millóns de euros para as industrias agroalimentarias no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas axudas se traducirán nun investimento de preto de 68 millóns de euros para Galicia. 

En total, 59 proxectos empresariais se beneficiarán destas achegas e entre eles destacan os relacionados co sector lácteo, xa que representan preto do 58% do orzamento total ao recibir 14,5 millóns de euros de cara a un investimento total subvencionable de 38,3 millóns de euros.

Estes datos foron aportados pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no marco dunha visita á queixería Queizuar de Touro, que recibiu ao longo dos últimos anos este tipo de axudas. En concreto, obtivo subvencións por valor de 419.886,46 euros, para un investimento total superior ao millón de euros co fin de modernizar e mellorar as súas instalacións.

A conselleira destacou a importancia de apostar pola transformación dos produtos agroalimentarios para favorecer a viabilidade das explotacións ao aportar valor engadido ás producións e facilitando o seu acceso aos mercados. “A través destas industrias foméntase a creación e mantemento de postos de traballo, beneficiando ao tecido económico das zonas rurais”, declarou Vázquez, polo que son un “elemento clave para o desenvolvemento das zonas rurais”.