A produción ecolóxica avanza con paso firme en Galicia

A Xunta incrementou as medidas de apoio á produción ecolóxica nos últimos dez anos e no futuro seguirá apostando por ela, acompañando o auxe destes produtos, xa que os mercados, tanto a nivel nacional como internacional, aumentan notablemente a súa demanda. 

Así o destacou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, na presentación do XII Congreso da Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE), que tivo lugar na sede da Deputación de Lugo.

Este congreso terá lugar os vindeiros días 20, 21, 22 e 23 de setembro na capital lucense. Neste acto, a directora xeral puxo en valor a importancia da agricultura ecolóxica como sistema de produción de alimentos baseado no respecto ao medio ambiente no benestar animal e no mantemento e mellora da fertilidade do chan.

No caso galego –afirmou Belén do Campo–, o valor da produción ecolóxica ven aumentando a un ritmo moi importante nos últimos anos, acadando en 2015 máis de 33 millóns de euros, dos que a provincia de Lugo facturou unha terceira parte do total. Ademais, o sector agroecolóxico galego rexistrou un elevado crecemento nese mesmo ano, acadando as 20.300 hectáreas. A maior parte desta produción ecolóxica certificada procede dos sectores do leite, carne, castañas e sidra. O número de operadores ecolóxicos na nosa comunidade sitúase en 721.