Xuntanza Internacional de Gaiteiros bicéfala

A XXXI edición da “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, declarada de Interese Turístico e Cultural, celebrarase en dúas xornadas, o día 11 de xuño no Castelo de Monterrei e o 24 de xullo na Ponte Romana de Ourense. A presentación desta tradicional festa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; o alcalde do Concello de Monterrei, José Luis Suárez; e o gaiteiro, Óscar Ibáñez.

Rosendo Fernández destacou “o labor e a sensibilidade de recompilación de cada Xuntanza feita por Foxo e o seu equipo, porque os pobos teñen que recoñecer a súa historia, porque recoñecéndoa a saben e só así se labra o futuro”. Asemade neste evento serán “homenaxeadas dúas persoas vencelladas co mundo da gaita: en Monterrei, á cantareira Julia Bailón Fernández, e na Ponte Romana o gaiteiro coruñés Pepe Temprano”, sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Ademais da Xuntanza presentouse un DVD cun vídeo resumo dos 30 anos de historia desta celebración que, como dixo Xosé Lois Foxo, “marca historia”, destacando asemade a presentación dun DVD de cada edición, “porque sempre fomos sensibles a nosa tradición, e por iso homenaxeamos durante a Xuntanza a unha cantareira e a un gaiteiro”, explicou Foxo. 

O programa desta XXXI edición conta con actuacións de artistas de Irlanda, Alemaña, Bélxica, Asturias, Francia, Grecia, Portugal, Holanda, Cantabria e de distintos lugares de Galicia.