Turismo de Galicia promociona a oferta galega en Arxentina e Chile

Un grupo de 25 operadores turísticos, entre os que se atopan os máis importantes do centro do territorio de Chile, participarán na cidade de Concepción nun workshop organizado por Turismo de Galicia ao obxecto de difundir a oferta turística galega neste país. 

A Universidade de Concepción acolleu o acto de presentación da oferta turística galega no centro do territorio chileno, a través dunha reunión de traballo á que lle seguirá un curso de capacitación no destino que lles impartirá Turismo de Galicia aos axentes asistentes.

Nesta última actividade formativa, os operadores turísticos chilenos coñeceron máis de preto a oferta, os produtos e os servizos turísticos galegos, así como o xeito máis directo de contratalos para a organización de viaxes con destino á Comunidade galega.

Dentro deste programa de presentacións da oferta turística galega no sur de América, a Xunta, a través de Turismo de Galicia, organizou a semana pasada outra xuntanza de traballo e un curso de capacitación no destino na cidade arxentina de Nouquén.

Neste caso, participaron máis de 30 operadores turísticos locais e das rexións do centro do país, que tamén tiveron a oportunidade de coñecer a fondo as características do turismo de Galicia.