Turismo de Galicia na Dolce Vita

As cidades rusas de San Petersburgo e Moscova acollen a reunión profesional Dolce Vita, na que participarán os principais operadores e destinos relacionados co turismo de negocios e no que Turismo de Galicia promoverá a oferta galega relacionada con este segmento entre os principais operadores especializados de Rusia.

Neste certame, o departamento de Turismo da Xunta conta cunha axenda de contactos que inclúe organizadores de xuntanzas profesionais, axencias, institucións e empresas de transporte de Rusia orientadas á organización de viaxes profesionais, congresos e outro tipo de reunións.

Así, Turismo de Galicia presentará as capacidades da Comunidade galega para a acoller este tipo de viaxes, tendo en conta as infraestruturas como pazos de congresos, aloxamento e comunicacións. Ademais, nestas xuntanzas promoverase a oferta turística galega xeral, e a gastronomía, a cultura e o Camiño de Santiago en particular, como elementos diferenciadores para os operadores rusos.