Turismo de Galicia aposta polo hort-breaks

A oferta galega relacionada coas estancias curtas e o turismo de compras, short-breaks, está presente nas Xornadas inversas de promoción turística organizadas por Turespaña co obxectivo de promover as posibilidades dos distintos destinos nacionais entre os operadores turísticos especializados.

Así, dentro destas xornadas, Turismo de Galicia tivo a oportunidade de reunirse cos 20 axentes británicos máis importantes neste ámbito para que poidan coñecer e afondar nas posibilidades da Comunidade galega nesta modalidade turística.

As boas conexións aéreas coa capital británica, a gastronomía, a diversidade das contornas urbanas galegas, a cultura, a natureza e mesmo o Camiño de Santiago son elementos do turismo galego que se destacan nesta presentación como parte dunha oferta diversificada e recoñecible como propia de Galicia dentro marco nacional.

Ademais, incídese nas posibilidades das cidades galegas para realizar compras diversas, artesanía ou produtos gastronómicos.

Neste ámbito, Turismo de Galicia aposta pola promoción das estancias curtas como unha das modalidades máis importantes para desestacionalizar a actividade turística, tendo en conta a Comunidade galega como un destino multiexperiencial con capacidade para atraer viaxeiros de distintas nacionalidades con preferencias variadas, entre os que se atopan os británicos.