Santiago acolle a presentación do Festival Ribeiro Son de Viño

O C.R.D.O. Ribeiro presentará este xoves, 16 de xuño, en Santiago de Compostela a terceira edición do Festival Ribeiro Son de Viño, que se celebrará no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove, Pontevedra) o vindeiro 16 de xullo. Trátase dun evento único que fusiona a pé de praia a cultura das adegas da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia con algunhas das mellores bandas de rock e pop galegas.

O acto de presentación celebrarase no restaurante Resas, encargado da oferta gastronómica do festival, nunha xornada na que tamén se festexa o Día Mundial da Tapa. O evento contará coa actuación en directo da banda compostelá Atrás Tigre, que se atopa en plena promoción do seu primeiro álbum.

Na presentación participarán o presidente e a xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Felicísimo Pereira e Cristina Alcalá; a coordinadora do festival, Cristina Villar; a teclista de Atrás Tigre, Olalla Cociña e os representantes das adegas participantes no festival: Eduardo Bravo, Casal de Armán, Nairoa, Finca Viñoa/Pazo Casanova e Carlos Villanueva.