Buscar/Hemeroteca

miércoles, 29 de junio de 2016

Premio La Razón á páxina web e a APP do Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu un galardón concedido na V Edición dos Premios do turismo de La Razón á aplicación móbil e á páxina web sobre Camiño de Santiago, que a Xunta de Galicia puxo en marcha a través do proxecto Smart Turismo, dotado con 10 millóns de euros para estender con horizonte 2020 as novas tecnoloxías ao sector turístico.

O Plan Smart Turismo establece a creación dunha plataforma tecnolóxica para modernizar as infraestruturas para a xestión do turismo en Galicia. Así mesmo, establece mecanismos estables de comunicación e colaboración co sector, axuda a cumprir os obxectivos en canto á promoción e comercialización do produto turístico e facilita a análise e toma de decisións por parte dos xestores.

Deste xeito, as actuacións do Plan estrutúranse en torno a catro eixos estratéxicos: a modernización das infraestruturas tecnolóxicas de turismo galego; a promoción, comercialización e fidelización dos viaxeiros; o fomento da innovación, coordinación e colaboración público-privada; e a potenciación do Camiño de Santiago a través da liña Smart Camiño.

O Smart Camiño susténtase sobre unha plataforma tecnolóxica aberta que permite capturar, ordenar e categorizar datos en tempo real de múltiples ámbitos: parámetros de temperatura, humidade, exposición solar, fluxos de visitantes e eventos, ofertas comerciais, alertas ou avisos, entre outros.

A explotación destes datos permite desenvolver servizos web avanzados como o Director Comercial Virtual e Marketplace, que integra os servizos de información e comercialización para o peregrino de cara a ofrecer a máxima dispoñibilidade e o produto axeitado en función do seu perfil e contexto e informa en tempo real aos diferentes usuarios sobre información relevante para eles.


Así mesmo, o Smart Camiño proporciona aos usuarios aplicacións en mobilidade e navegación por mapa para acceder a contornos de visualización avanzada do territorio en 2D e 3D sobre o que se despregan diferentes servizos interactivos. Outra das melloras é a obtención da Compostela a través de medios dixitais, así como o rexistro electrónico nos distintos puntos do Camiño e aplicacións baseadas no uso de códigos QR para identificar diferentes contidos. Ademais, contempla a conexión wifi nos albergues públicos do  Camiño de Santiago.

No hay comentarios: