Peregrinación dende ultramar

Os “Cavaleiros da Paz” de Porto Alegre, localidade do estado brasileiro de Río Grande do Sul, peregrinaron a cabalo polo Camiño de Santiago dende Villafranca del Bierzo. A actividade deste grupo foi moi seguida polos medios do seu país e son protagonistas da serie de televisión Cavalgada dos Extremos, que se emitiu no Sistema Brasileiro de Televisão (SBT) cunha audiencia de 2,58 millóns de espectadores e que foi finalista no 2014 ao premio periodístico da Associação Riograndense de Imprensa (ARI). Esta serie xa prepara a súa segunda tempada para setembro de 2016 de cara a contar as experiencias vividas polos xinetes durante a realización do Camiño de Santiago. 

A confraría dos Cavaleiros da Paz foi creada en 1990 co obxectivo de fomentar o contacto e o intercambio cultural con outros grupos ecuestres do mundo mediante a organización de cabalgadas internacionais que xa percorreron países como Brasil, Arxentina, Uruguai, Paraguai, Chile, Bolivia, Portugal, Canadá, Sudáfrica e Mongolia.