O stand de de Galicia premiado na feira polaca de Kielce

A modernidade da estrutura e a orixinalidade no xeito de presentar o Camiño de Santiago e o destino Galicia foron os méritos, a xuízo dos organizadores da feira Sacroexpo de Polonia, para outorgarlle o premio ao mellor stand ao recinto que Turismo de Galicia instalou neste certame que se celebra esta semana na cidade polaca de Kielce.

O departamento de Turismo da Xunta participa nesta feira de xeito habitual dado que constitúe unha das citas máis importantes de Centroeuropa no ámbito do turismo relixioso, na que están presentes distintas asociacións, confrarías e outros colectivos de carácter relixioso, tanto de Polonia como dos países limítrofes.

Por outra banda, Turismo de Galicia e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) achegarán 72.500 euros para a dinamización turística do xeodestino Manzaneda-Trevinca. Así se recolle no convenio de colaboración asinado esta mañá entre a directora do organismo autonómico, Nava Castro, e o presidente do INORDE, Rosendo Fernández. No acto tamén estiveron representantes dos concellos beneficiados.

O convenio, que estende a súa vixencia ata finais de ano, actuará no ámbito territorial dos concellos de A Pobra de Trives, A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras.