Como cada ano, A Coruña transformarase no mes de agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste. Unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 70.000 persoas.
Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e desde este ano contará coa colaboración especial de Estrella Galicia.
O Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou un avance das bandas e artistas que do 2 ao 7 de agosto inundarán de música a cidade no 30 cumpleanos do Festival Noroeste Estrella Galicia.
Os sons más eclécticos poderán escoitarse da man de máis de 60 bandas e artistas en 9 escenarios da cidade: a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Igrexa das Capuchiñas, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras e o Parque do Paseo das Pontes. Da man do Noroeste, o público poderá gozar en directo dos sons máis diversos: pop, rock, folk contemporáneo, psicodelia, funk, sons étnicos, flamenco experimental, electrónica minimalista, country alternativo, shoegazing, rock progresivo, garaxe, rockabilly, indie, punk ou, mesmo, o hardcore máis salvaxe.