Nova app de Turismo de Santiago para coñecer en tempo real a dispoñibilidade de prazas hostaleiras

A entidade de promoción turística municipal desenvolveu unha nova ferramenta electrónica que permitirá que sexan os propios establecementos hostaleiros os que carguen no programa a dispoñibilidade de prazas que teñen en cada momento. Deste modo ás persoas que visitan a cidade recibirán unha información útil e en tempo real, 

A ferramenta será de balde para os aloxamentos da cidade. O proceso de carga é moi sinxelo e rápido para os establecementos. En apenas dez segundos poden indicar os cuartos que teñen dispoñibles en cada momento e os seus prezos. Esta información pode actualizarse ao longo do día todas as veces necesarias. A actualización poderá facerse dende diferentes plataformas, ordenadores, teléfonos ou tablets, para que sexa o máis sinxelo posible.

O persoal de información de Turismo de Santiago poderá ver a dispoñibilidade de prazas que hai en cada momento nos establecementos de Santiago. Deste xeito poderá dar información filtrada e en tempo real ás persoas que pregunten por aloxamentos dispoñibles na cidade e arredores para esa mesma noite.

O persoal de Turismo de Santiago non fará as reservas directamente nin cobrará ningún tipo de comisión, xa que o servizo é gratuíto tanto para os establecementos como para as persoas usuarias. O que se entregará será un documento coa información sobre as prazas dispoñibles e enderezos, números de teléfono e correos electrónicos, para que poidan facer as súas reservas directamente.