Máis de 600.000 persoas no Arde Lucus

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo este un balance “moi positivo” do Arde Lvcvs 2016, que se celebrou dende o pasado xoves ata o domingo na cidade, onde se reuniron máis de 600.000 persoas, cumprindo deste xeito as expectativas do Goberno. A rexedora subliñou a implicación total do pobo de Lugo, “que se volcou novamente con estes festexos e volveu a saír ás rúas impregnadas da nosa historia e do noso pasado, para que non soamente sexa presente senón futuro, como un elemento vertebrador máis da cidade”. 

Neste senso, Méndez subliñou que “queremos vivir do turismo e que este sexa parte do motor económico da cidade, o que pasa por poñer en valor a riqueza que temos, ao que contribúe notablemente o Arde Lvcvs”. A rexedora tamén subliñou o éxito total de participación, coas rúas abarrotadas de xente, “poñendo en valor a cultura romana”, dende nenos a maiores, de asociacións, colectivos e cidadáns volcados coas máis de 400 actividades organizadas. 

A Alcaldesa confirmou que o Goberno está traballando co obxectivo de que o Arde Lvcvs sexa declarado este mesmo ano Festa de Interese Turístico Nacional, logo de quince anos aumentando o seu poder de convocatoria. Neste punto, Lara Méndez informou de que ao longo desta fin de semana o presidente da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, Antonio Madrid, visitou a festa, e se amosou sorprendido pola implicación de toda a cidade.