A Semana Verde de Galicia acolleu a presentación do logotipo xenérico “100% Raza Autóctona” das 5 razas bovinas galegas: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. Con este logotipo búscase protexer as razas autóctonas, preservando o patrimonio xenético animal e o mantemento dos sistemas de cría extensivos, que maioritariamente se empregan para a súa explotación. Isto supón un beneficio para a sustentabilidade do medio rural e do medio ambiente e permite realzar e potenciar a calidade destas razas.

Precisamente son as asociacións de criadores de animais de razas autóctonas as encargadas de solicitarlle ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente o uso deste logotipo. A maiores destas cincos razas, en Galicia xa están autorizadas as de Cabra galega, Ovella galega, Galiña de Mos e Porco celta.
O censo destas razas difire, sendo a máis numerosa a Cachena que conta con 4.195 animais e 149 gandarías, seguida pola Vianesa con 2.401 animais e 78 gandarías. A raza Caldelá suma 1.304 animais e 48 gandarías e, por último, as razas Limiá e Frieiresa contan con menos de 1.000 animais.