Do turbio aos viños con D.O., debate na Semana Verde

Os Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, con presenza nas catro provincias, celebraron a xornada Enxeñaría Técnica Agrícola e viticultura moderna en Galicia no Recinto Feiral de Silleda dentro da programación da Semana Verde, que se celebra ata o domingo. Nela, fíxose un interesante percorrido do “turbio” aos viños con Denominación de Orixe. A xornada foi inaugurada pola conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez

A xornada comezou coa ‘clase maxistral’ do profesor da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, Xavier Castro, quen analizou desde unha visión histórica as prácticas erróneas na elaboración do viño. Pola súa parte, o biólogo e enxeñeiro José Mouriño, membro da Academía Galega de Gastronomía, un dos máximos impulsores das denominacións de calidade en Galicia, debullou esta influencia na Ribeira Sacra, e destacou “o labor de promoción” dos produtos agroalimentarios senlleiros. 

O enólogo Pablo Estévez, pola súa banda, deu o seu punto de vista como experto na súa ponencia Desde a viña ata a comercialización, no seu papel de experto asesor de diversas adegas das D.O. Ribeiro, Rías Baixas e Ribeira Sacra, e o enxeñeiro experto en industrias agrarias Fernando Vilariño analizou a evolución da viticultura en Galicia desde a perspectiva da D.O. Rías Baixas. Por último, o enxeñeiro agrícola Xosé Antonio Meixide, do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo falou da variedade de uva máis senlleira e descoñecida, a Branca Lexítima, da Terra de Betanzos, e avogou polo seu recoñecemento.