De workshop no ConfecBlue do Algarve

Turismo de Galicia continúa co programa anual para a promoción da oferta de turismo de negocios da Comunidade galega ao longo de 2016 coa participación no workshop ConfecBlue que se celebra no Algarve (Portugal) ata vindeiro domingo.

Deste xeito, durante catro días, representantes do departamento de promoción turística da Xunta de Galicia manterán 20 xuntanzas de traballo con outros tantos operadores turísticos especializados ao obxecto de difundir e apoiar a comercialización dos recursos galegos relacionados cos congresos, as convencións e as reunións de empresa.

O evento ConfecBlue 2016 reunirá aos principais axentes europeos especializados na compra de viaxes relacionados co turismo de negocios aos que Turismo de Galicia presentará as posibilidades que ofrece a Comunidade galega nesta modalidade turística.