Cooperación entre as deputacións de Ourense e Zamora

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta da Deputación de Zamora, María Teresa Martín Pozo, inauguraron no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a "I Xornada de Cooperación da Rede Interprovincial Ourense-Zamora de comunicación e experiencia de xestión", un evento que ten como obxectivo poñer en valor as potencialidades e os proxectos estratéxicos de ámbolos dous territorios, coa implicación dos seus gobernos provinciais e coa celebración de encontros bilaterais entre empresas de Ourense e Zamora para abrir canles de colaboración e explorar vías de negocio.

Manuel Baltar explicou que esta iniciativa ten unha palabra clave que é a "cooperación", neste caso entre institucións provinciais, Ourense e Zamora, "que teñen claro que non só son gobernos que asisten técnica, económica e xuridicamente aos concellos, senón que teñen encomendada a defensa de un interese xeral de provincia".

O presidente da Deputación de Ourense dixo que ambas institucións crearon esta Rede Interprovincial "que ten que ver non só coa situación limítrofe das provincias senón, con cuestións que nos unen e compartimos, no ámbito do turismo cultural e gastronómico, e tamén na importancia de promover as riquezas patrimoniais e artísticas de ámbolos dous territorios, o que debe propiciar actuacións conxuntas".

Este encontro pretende "xerar riqueza sobre a base de acordos de colaboración que permitan tamén a interrelación entre empresarios de Ourense e de Zamora", destacou Manuel Baltar, lembrando neste sentido que os vindeiros 16 e 17 de xuño, "terá lugar un evento singular entre empresas de Ourense e de Estados Unidos, impulsado pola Deputación de Ourense: a misión comercial certificada polo goberno norteamericano, na que 15 empresas americanas manterán contactos con empresas da provincia de Ourense, relacionadas con sectores que favorezan sinerxias, estratexias de internacionalización e emprego na provincia ourensá".

No acto inaugural da xornada, Manuel Baltar remarcou a importancia do termalismo na provincia de Ourense, "segundo territorio de Europa con máis potencial termal", e tamén destacou o programa de "Termalismo Social", que puxo en marcha a Deputación de Ourense en colaboración con Renfe e que supuxo "unha innovación tanto na oferta de turismo de ocio e saúde como na xestión electrónica dos trámites que realizan as persoas interesadas neste programa de turismo termal".