Convenio para a posta en marcha da exposición Via Iacobitana

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director de Viaqua, Julio Masid Bande, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha da exposición itinerante “Via Iacobitana”, unha colección de fotografías sobre o Camiño de Santiago. No acto tamén estivo presente o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

Grazas ao acordo asinado, a mostra percorrerá diversas cidades de Galicia, concretamente Santiago de Compostela, Pontevedra, Ribadeo, Fene, Pontedeume, Valdoviño e Ourense para amosar o Camiño desde unha perspectiva artística contemporánea.

A exposición recolle traballos de fotógrafos galegos que se converteron en peregrinos para plasmar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a Ruta Xacobea.

A través destas imaxes, contemplaranse diversos itinerarios en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes, os romeiros, os veciños e o patrimonio cultural que atesouran desde a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade.

Todo este traballo permite aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén  perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias dos que a realizan, así como poñer en valor o labor de grandes profesionais galegos.


Esta actividade enmárcase na celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se iniciou o 8 de decembro de 2015 e se estenderá ata o 20 de novembro de 2016. Este evento supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral sen coincidir con Ano Santo.