Congreso AECOC de Produtos do Mar en Baiona

Baiona acolle o XVII Congreso AECOC de Produtos do Mar, que se celebra ata hoxe no Parador deste municipio. Alí a titular de da Consellería do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé na importancia da innovación da industria transformadora e da valorización dos produtos do mar, dous aspectos, sinalou, nos que dende 2009 traballa o seu departamento. De feito, expuxo, dende ese ano a Xunta puxo a disposición da industria transformadora de produtos do mar máis de 260 millóns de euros. 

Este esforzo, sinalou, “permitiu avanzar no volume de produción, especialmente da conserva, recuperando no 2013 a senda positiva e ampliando as exportacións”. Ademais a conselleira lembrou que este ano se reforzaron os programas de mellora da competitividade e da produción nun 63%. Neste sentido, destacou a multiplicación dos fondos destinados á transformación e á comercialización de produtos do mar, aos que se destinan máis de 13 millóns de euros e do programa de regulación de mercados, que conta con case 15 millóns de euros. 

En canto ás marcas de calidade e ás denominacións de orixe, Rosa Quintana subliñou que a Xunta lles dará un novo impulso destacando a súa diferenciación e a identificación de frescura e calidade que representan. Para iso destacou como ferramenta clave o eixo de mellora da comercialización do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, “que permitirá aproveitar boa parte dos 95 millóns de euros destinados a revalorizar os nosos produtos nos mercados”, sinalou. 

Neste eido puxo como exemplo de crecemento a marca PescadeRías, de onde senón?, destinada a diferenciar os produtos frescos da pesca artesanal de Galicia e expuxo que dende que se creou no ano 2008 ata o 2015 o produto certificado con este selo pasou de 500 toneladas ás 8.600 do ano pasado.