A función socioeconómica da industria agroalimentaria, segundo Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a función social da industria agroalimentaria, que ademais de facturar cada ano máis de 4.700 millóns de euros e de dar emprego a máis de 18.300 persoas, tamén “xera valor engadido para os produtos do noso agro e do noso mar”. O presidente da Xunta fixo estas declaracións durante o Foro Galicia Alimentación, que organiza o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). 

“Estades a axudar a fixar poboación e a demostrar que no rural tamén se poden facer negocios”, dixo Feijóo. Nesta liña, recordou que a agroindustria “dinamiza o noso rural”, pois seis de cada dez empresas se sitúan en concellos de menos de 10.000 habitantes. Despois de reivindicar a calidade dos nosos produtos agrarios, o presidente insistiu en que hai moito “potencial de crecemento” nos produtos con valor engadido: queixo, manteiga, soro, produtos cárnicos e conservas.

Toda vez que estamo en campaña electoral, Feijóo comprometeu o apoio da Xunta ás empresas do sector, das que reiterou o seu carácter “estratéxico”. Citou, por exemplo, a partida de axudas que se aprobou o último Consello da Xunta, para apoiar con 25 millóns de euros investimentos de ata 70 millóns en empresas do sector lácteo, do cárnico, do hortofrutícola e doutros máis pequenos coma o apícola.