A agricultura ecolóxica medra ano a ano

A superficie inscrita o pasado ano no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) foi de máis de 20.300 hectáreas, o que supón un incremento do 33% con respecto a 2014; o crecemento no número de produtores rexistrados alcanzou un 13%; no número de elaboradores, importadores e comercializadores, o aumento foi dun 15%; e, polo tanto, o total de operadores inscritos en 2015 chegou aos 721, dos cales 558 son produtores e 163 elaboradores.

Estes datos sairon da boca do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a entrega de premios do proxecto Cultiva mazás 2016, na Casa Grande de Xanceda. Alí destacou a gran capacidade da agricultura ecolóxica para crecer o que acredita que no rural galego hai lugar para o emprendemento e hai futuro para as novas xeracións. 

“Na agricultura e na gandaría de Galicia hai lugar para o emprendemento. Ou o que é o mesmo: hai futuro para as novas xeracións”, aseverou, incidindo en que non cabe dúbida de que parte dese futuro pasa hoxe en día polas explotacións ecolóxicas; un eido que, destacou, ofrece enormes posibilidades e variedades para achegar ao mercado e ao consumidor final un produto da máxima calidade.