Xornadas de portas abertas nas Rutas dos Viños de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,acaba de presentar a quinta edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, nas que o visitante poderá acceder de xeito gratuíto e guiado ás máis de 100 adegas participantes das cinco denominacións de orixe de Galicia e realizar un completo programa de enoturismo, que inclúe catas e degustacións.

A actividade desenvolverase os días 21 e 22 deste mes nas rutas das denominacións de orixe das Rías Baixas e do Ribeiro e fin de semana seguinte, días 28 e 29, nos itinerarios de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. 

Durante a presentación, Nava Castro destacou o auxe experimentado polo turismo enolóxico do cal afirmou se está a converter nun dos principais reclamos de Galicia. De feito, segundo explicou, Galicia é a primeira Comunidade en canto a certificacións de calidade no sector do turismo industrial, por riba de comunidades cunha gran tradición vitivinícola como son A Rioxa ou Castela e León. 

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia expuxo o gran potencial co que conta a nosa comunidade para combinar a degustación de viños de calidade coa visita ás paisaxes e singularidades dos territorios nos que se producen.

Este tipo de oferta, segundo afirmou Nava Castro, contribúe a chegar a novos públicos e á desestacionalización do turismo na nosa Comunidade. Así mesmo, explicou que a dinamización das adegas e viticultores galegos é unha liña estratéxica do Plan Integral de Turismo da nosa Comunidade.