Xornadas de dinamización da Praza de Abstos de Ourense

A Deputación de Ourense colabora nas xornadas “Quere o teu mercado”, que se celebrarán desde o 16 ao 28 de maio, na praza de abastos da Cidade das Burgas, para a dinamización deste sector. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández participou na presentación das actividades que organiza a Asociación de Comerciantes e Industriais Praza de Abastos ao igual que o alcalde Jesús Vázquez.

Rosendo Fernández asegurou que mercar na praza supón “consumir produtos frescos, garantía de calidade e atención personalizada, para unha dieta cardiosaudable”. 

A Deputación de Ourense colabora con este evento do mercado “para fomentar unha boa saúde alimenticia e o consumo dos nosos produtos coa repercusión económica que isto leva consigo. No mercado xúntase tradición e variedade que se adapta á maioría das demandas dos clientes”, afirmou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

“Quere o teu mercado” é unha campaña internacional, con orixe no Reino Unido, na que participan países de Europa, América e Asia, como España, Francia, Hong Kong e Estados Unidos, entre outros. No marco do programa desta iniciativa, hai actividades para os máis pequenos coa actuación de Magos do Ribeiro, actuacións musicais, un concurso de fotografía e iniciativas nas redes sociais, entre outras propostas.