VIII Street Market en Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Deputado de Promoción Económica e Social e Patrono da Fundación TIC, Álvaro Santos, e a Presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real, presentaron este martes no Salón de Plenos a VIII edición do mercado Comercio na Rúa Street Market, que terá lugar nas rúas da cidade luguesa este mércores, 4 de maio, dende as 10:30 horas da mañá ata as 20:30 horas, 10 horas de xeito ininterrompido. 

Presentación Steet Market
“O Concello está unha vez máis ao lado das autónomas con esta iniciativa que impulsa o comercio de proximidade”, asegurou Méndez, quen subliñou que este é un sector estratéxico para a cidade, na que máis do 80% das empresas pertencen ao sector servizos. Para rematar, a Alcaldesa convidou a todos os lucenses a realizar as súas compras mañá e ao longo de todo o ano no comercio local.

O VIII Street Market ofrecerá descontos de ata o 80% nun amplo catálogo de produtos dende téxtil, calzado ou complementos, ata xoias ou lentes ópticas. Na cita participarán preto de 90 comercios de todos os sectores ubicados nas rúas San Roque, Montero Ríos, Progreso, Santo Domingo, Doutor Castro, Soidade, Campo Castillo, San Froilán, Quiroga Ballesteros, Armanyá, San Pedro, rúa Nova, Conde Pallares, Cruz ou na Praza Maior. Todos os establecementos participantes estarán debidamente identificados coa cor laranxa xa identificativa deste evento.

O mercado Comercio na Rúa Street Market celébrase nos na primavera e no outono coincidindo co remate das tempadas de inverno e verán, co obxectivo de atraer ao centros da cidade a lucenses e visitantes para que coñezan de preto o que ofrece o comercio de Lugo.