Viaxe en globo pola Ribeira Sacra

Onte realizouse dende Monforte de Lemos a viaxe inaugural en globo aerostático pola Ribeira Sacra para dar a coñecer o programa “Pasaporte ás nubes” que Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra puxeron en marcha.

A iniciativa, incluída nun convenio asinado recentemente entre as dúas administracións, pretende fidelizar aos visitantes da rexión, premiando o seu consumo en establecementos turísticos locais mediante o sorteo de 36 viaxes para dúas persoas para que poidan contemplar a Ribeira Sacra dende o ceo.

O pasaporte solicítase en calquera dos 124 establecementos participantes ou nas oficinas de información turística do destino. Durante a estancia na Ribeira Sacra, o visitante vai acumulando selos en restaurantes, aloxamentos, museos e outras moitas actividades como visitas a bodegas. Unha vez reunidos 8 selos, a credencial debe depositarse nas urnas habilitadas nas oficinas de información turística e participar, deste xeito, no sorteo, que se celebrará no mes de outubro.