Tratamento contra o mildeu nas viñas da provincia de Pontevedra

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro vén de recomendar a necesidade de volver a aplicar tratamentos contra o Mildeu nas viñas, posto que por causa das condicións climáticas desta semana volvéronse detectar novos síntomas da enfermidade. Na EFA teñen constancia de que a aparición destes síntomas é xeneralizada por toda a provincia, pero comprobaron nas súas parcelas de seguimento que a maior incidencia se está apreciando nas comarcas do Rosal e do Condado.

Os técnicos aseguran que a pesares de que moitos propietarios xa aplicaron tratamentos a pasada semana, este é un momento de especial sensibilidade polo que se debe volver aplicar. Desde Areeiro advirten que o risco de infección por Mideu será elevado a curto prazo coincidindo coas condicións metereolóxicas inestables, con humidade e temperaturas suaves, as máis propicias para a aparición e expansión da enfermidade. Sen embargo, espérase que a previsión de tempo seco a partires do día 30 reduza o nivel de infección.

O aviso desta semana tamén advirte da aparición dos primeiros síntomas de Oidio desta tempada. Como é habitual, a enfermidade comeza en plantas de variedade tinta moi sensible. Non se ten detectado aínda en albariño nin noutras variedade pero como xa se produciu a primeira aparición, a EFA recomenda incrementar a vixilancia, sobre todo neste momento de pre-floración das plantas, que é o estado fenolóxico más sensible a este fungo.

Onde non se recomenda aplicar ningún tratamento é nas roturas de brotes debidas ao vento da semana pasada. A pesares de que se produciron roturas en case todas as comarcas, non se considera necesario dar tratamentos para axudar á cicatrización posto que non se considera que o dano sufrido o requira.

En canto ao Black Rot non se apreciou incremento de intensidade nos síntomas durante esta semana. Aconséllase manter a vixilancia sobre a evolución das manchas producidas por este fungo, posto que as chuvias soen implicar risco de contaminación.

En canto á aparición de polillas do racimo, de Altica e de ácaros non se detectaron evolucións significativas.