Solicitude para que as alfombras de flores de Ponteareas sexan declaradas patrimonio inmaterial pola UNESCO

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal quixo acompañar en Pontevedra ao rexedor do concello de Ponteareas, Xosé Represas, e á tenente de alcalde, Cristina Fernández, no inicio dunha xira que os levará polas cidades e as vilas máis representativas do país para promocionar a súa festa do Corpus e explicar a iniciativa para solicitar que as alfombras de flores sexan declaradas Patrimonio Inmaterial pola Unesco.

"Queremos apoiar esta solicitude a nivel supramunicipal para que esta arte efémera, que vai máis aló da compoñente relixiosa, sexa recoñecida pola UNESCO" asegurou o deputado, en declaracións aos medios para presentar esta solicitude do concello de Ponteareas.

Xosé Leal asegurou que "o que temos que fomentar é que se recoñeza a compoñente artística destas manifestacións para aproveitar que a representación que se fai nas diferentes vilas, nas estradas e a pé de asfalto, dean fe das diferenzas culturais das localidades nas que se levan a cabo". Leal lembrou que só na provincia de Pontevedra se contabilizan 14 manifestacións de alfombras florais, se ben as máis coñecidas son as de Ponteareas, declarada de Interese Turístico, Internacional, e as de Bueu, que están en espera do recoñecemento de Interese Galego.

Precisamente, os representantes destas manifestacións en Bueu e Ponteareas son os que participaron no VI Congreso Internacional de Arte Efémera, celebrado entre os días 13 e 15 de maio na cidade siciliana de Noto, e onde se tomou a decisión de que cada localidade faga a solicitude individualmente para que se recollan as particularidades de cada manifestación por separado. 

Segundo explicou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, "desde cada localidade debe promoverse esta declaración, co respaldo dos gobernos locais e supramunicipais e coa participación dos colectivos sociais e mestres alfombristas, para acadar finalmente unha declaración conxunta". Espérase que este proceso, que se está iniciando, teña unha duración de 2 anos, e que remate nunha declaración positiva. Segundo datos que aportou o alcalde, as manifestacións de alfombras florais teñen arraigo en 20 países con diferentes particularidades en cada un deles. O obxectivo final desta declaración de Patrimonio Inmaterial é, en palabras de Xosé Represas, "salvagardar a tradición para que sexa transmitida ás xeracións vindeiras".

Represas tamén aproveitou a súa comparecencia para facer un convite público para o día grande do Corpus que se celebrará o vindeiro domingo día 29, se ben asegurou que "os alfombristas xa levan 15 días participando nos traballos previos á gran noite do sábado, que é cando se realizan as alfombras, e que é a noite na que ninguén dorme en Ponteareas". O alcalde tamén lembrou que a celebración do Corpus de Ponteareas data do século XV e as primeiras alfombras documentadas son do século XIX, de fai 159 anos exactamente.