Quincena gastro-romana Ars Magirica en Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, anunciou unha nova edición da quincena gastro-romana Ars Magirica, que arrinca este luns. Trátase dunha iniciativa incluída no programa Lvcvs Cvltvral, organizado polo Concello. Deste xeito, 13 establecementos hostaleiros da cidade ofrecerán, do 16 ao 31 de maio, tapas e menús especiais, elaborados con produtos que xa se consumían na época romana e castrexa, e cos que a cidadanía pode coñecer aqueles costumes gastronómicos. Os prezos oscilarán entre 1,5 e 3 euros para as tapas e entre 6,5 e 30 euros no caso dos menús.

Carmen Basadre destacou que “estas xornadas gastronómicas son as propias para ir quentando motores de cara ao próximo Arde Lvcvs”, que terá lugar do 16 ao 19 de xuño, ao tempo que agradeceu aos establecementos hostaleiros colaboradores a súa implicación e o traballo que realizan para promocionar a festa de recreación histórica.

Os establecementos que forman parte destas xornadas gastronómicas dentro da especialidade de tapas son A Chantadina coa Tosta de Hambueguesa Sacrum, Antas de Ulla con Rabo de Vaca (Oxtail), Bulló con Guiso de cordeiro con mel e olivas, Restaurante Campos con Bloc de foie trufado con redución de tostado, Diveca con Avia Panem, Dotmas con Pretohoplita, Kique Vinoteca con Sol da muralla e Taberna Daniel con Ova spongia ex lacte (tortilla de leite). Os menús serán servidos en A Nosa Terra cun Menú del César, Casa de Baixo, Dotmas cun Menú Senatorial, Restaurante Esencia cun Menú Romano, Mesón O Castelo e Os Cachivaches.

A actividade de degustación e venda de pan romano, enmarcada no programa do Lvcvs Cvltvral, que estaba prevista para este martes, 17 de maio, aprázase para o sábado 28 de maio, nos soportais da Praza Maior de 11:00 a 14:00 horas.