Pegada xacobea no Brasil e en Navarra

Turismo de Galicia participou no VIII Encontro Nacional de Peregrinos de Brasil, celebrado na cidade de Caxias do Sul, no que un dos principais temas abordados foi o pasado e o presente da seguridade do Camiño.

Na xuntanza participaron ao redor de 250 representantes de asociacións xacobeas de todo o país, no que actualmente funcionan unhas 28 entidades xacobeas con varios milleiros de asociados.

Por outra banda, a Casa da Cultura do municipio de Estella – Lizarra (Navarra)- acolle unha exposición fotográfica sobre o Camiño de Santiago, ‘Via Iacobitana’, ata o vindeiro 18 de maio, organizada polo Xacobeo en colaboración con este municipio navarro e a Asociación dos Amigos do Camiño de Santiago de Estella. 

A mostra recolle imaxes de fotógrafos galegos que percorreron a Ruta Xacobea para amosar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire o Camiño. Todo este traballo forma parte xa do novo legado iconográfico do xacobeo, que perpetua no tempo os instantes do Camiño. 

A través destas imaxes, contémplase o Camiño en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes e o legado cultural que atesoura dende a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade. 

Así, coas imaxes propostas na mostra evidénciase a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, así como, o seu inesgotable poder de atracción.