Parques Naturais de Galicia: Potencialidade e biodiversidade

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou o potencial da biodiversidade e riqueza dos parques naturais de Galicia durante a visita ás instalacións de Interpretación do Parque Natural do Invernadeiro, con motivo da conmemoración do Día Europeo dos Parques. Mato Otero recordou que nesta edición a celebración leva o lema O sabor da natureza, co que se pretende sinalar as vantaxes que conleva apostar pola agricultura sostible e facela compatible coa conservación dos espazos protexidos.

Para potenciar esta liña de actuación, a Xunta de Galicia vén de crear a Rede de Parques Naturais de Galicia. Unha iniciativa que busca mellorar estes espazos a través da coordinación e as sinerxías e potenciar os valores dos mesmos a nivel natural, ambiental, paisaxístico e de biodiversidade; xa que “teñen un enorme potencial económico, turístico e social polo que hai que aproveitar os seus recurso e potencialidades, dentro do compromiso coa sostibilidade”, matizou.

Aclarou que o coñecemento e valorización dun espazo son as ferramentas inmellorables para a súa protección e conservación e “son dous obxectivos claros á hora de crear a Rede de Parques”, para o que foi imprescindible o desenvolvemento dun plan de xestión e posicionamento. O plan elaborado pola Xunta será o marco no que traballar nos vindeiros catro anos e conta con sete liñas de actuación que se resumen nunha aposta pola accesibilidade nos parques, o fomento do emprego entre os colectivos máis vulnerables, e as actuacións de voluntariado. Como explicou con anterioridade, apostase polo emprendemento e a economía sostible, a creación de novos produtos ecoturísticos e a sensibilización ambiental.