Buscar/Hemeroteca

martes, 3 de mayo de 2016

Novo modelo de política cultural na Deputación de A Coruña

Festivais, museos e centros de interpretación, fundacións e entidades de cultura tradicional e popular serán as beneficiarias dun orzamento de 2.250.000 € da Deputación de A Coruña. A súa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, presentou as novas liñas de subvencións que fan visíbel unha nova política cultural. 

Á área de Cultura da Deputación da Coruña inaugura unha nova política cultural ao mudar as subvención nominativas por liñas de axudas en concorrencia competitiva, seguindo criterios obxectivos de reparto dos orzamentos públicos. A vicepresidenta e responsábel da área, Goretti Sanmartín, presentou en roda de prensa as novas liñas que sairán publicadas en breve no Boletín Oficial da Provincia e que se destinan a festivais, museos, centros de interpretación, fundacións e entidades de cultura tradicional e popular, nun total de máis de dous millóns de euros (2.250.000 €).

"Estas liñas visibilizan unha nova forma de operar no ámbito da cultura, destinado directamente a reforzar o tecido cultural da Coruña, sempre con transparencia e criterios obxectivos que eliminan a discrecionalidade anterior", defendeu Goretti Sanmartín na súa intervención.

Destacou tamén a responsábel da área, a vontade de contribuír desde o ámbito cultural á creación de emprego que se derivará das propias liñas de axuda. "A repercusión no ámbito laboral do sector cultural vai ser directa xa que, poño por caso, unha das liñas está orientada a contratar persoal para atender museos e centros de interpretacións e as outras apoiarán o traballo dos festivais, as fundacións culturais e das entidades de cultura popular e tradicional", sinalou.

"Remátase coas axudas nominativas como fórmula habitual e apóstase por unha baremación obxectiva na que se elimina o interese provincial e para a que se crearán comisións de valoración coa participación de responsábeis dos propios sectores", apuntou Goretti Sanmartín.

Para museos de centros de interpretación, a área de Cultura da Deputación destina 500.000 € para contratación de persoal para a atención ao público. Destínanse nas novas liñas 525.000 € para apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por concellos ou entidades sen fin de lucro. As corais, bandas de música popular e entidades de música e baile tradicional recibirán 375.000 € tanto para o desenvolvemento das súas actividades, proxectos ou eventos como para investimentos. Finalmente, as fundacións do ámbito cultural poderán optar a 850.000 € co fin de apoiar os seus proxectos e actividades culturais para o ano 2016.

No hay comentarios: