O Festival de Cans chega a 13ª edición entre o 18 ao 21 de maio coa proposta máis multidisciplinar da súa historia congregando ao mundo audiovisual, a música, a danza e gastronomía
Adaptándose ás novas necesidades, demandas do público e novos xéneros, nesta edición varios dos seus espazos emblemáticos medran en contidos e funcionalidades, como a Leira de Alicia, que pasa a ter programación continua nos dous días centrais do festival e acolle o Espazo Mahou con diferentes actuacións musicais vinculadas aos contidos audiovisuais do Jalpón de Alicia, encontros de cineastas e o habitual coloquio na leira. A gran sorpresa deste espazo será o concerto de Iván Ferreiro o venres 20 de maio ás 20h00.
O festival inaugurará o Jaliñeiro Arena cun espectáculo exclusivo de Janet Novás e Mercedes Peón fusionando danza contemporánea e música de dúas das nosas artistas máis internacionais. Ademais, o Jaliñeiro Arena -na zona Multiusos- albergará unha nova sección gastronómica -“A cociña de Esther”-, coa proxección de El equilibrio de los opuestos, un documental de Alberto Baamonde sobre as peripecias do cociñeiro Javier Olleros, que preparará unha tapa delicatessen deseñada para o festival con produtos da parroquia.
Refórza a seprogramación infantil, que segue medrando con proxeccións, actuacións musicais, monicreques e obradoiros. Os máis pequenos terán actividades no Cuberto do Pato, no Baixo de Carlos e o parque do río, con zona de xogos tradicionais e menús infantís. Nestas localizacións poderán gozar da Caixa de Mistos, dun obradoiro de filmes de MrMisto no que xogarán a ser cineastas ou da proxección de Maimiño.