Lugo acolle a III Feira da Cervexa Artesá

A Praza Horta do Seminario acollerá entre este venres, 20 de maio, e o domingo 22 de maio, a III Feira da Cervexa Artesá, organizada pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e patrocinada polo Concello, co obxectivo de dar a coñecer un produto elaborado de xeito artesanal, por agora descoñecido, e profundizar na cultura que xira ao redor desta bebida. A entrada a esta feira, que contempla ademais stands de comida e múltiples actividades relacionados con este evento, é totalmente gratuíta. 

Así, durante a fin de semana na Praza Horta do Seminario poderanse degustar case 80 tipos de cervexas de cerveixos artesáns de toda Galicia, que farán degustacións e venderán as súas producións elaboradas con produtos naturais, podendo descubrir distintos matices e experimentando novos sabores. 

Os cervexeiros que se darán cita en Lugo son, Cervexa Áncora e Santo Cristo, de Ourense; Cervexa Aloumiña, Cova da Serpe, Faxilda, Bubela e Doménicus, de Lugo; Cervexa Saramagal e Vacaloura, de Pontevedra; Cervexa Kel´s, da Coruña; Augas Santas, de Foz; Chacueca, de Monforte e Catacraft e Belecker, de Ponferrada.