Lugo acolle esta fin de semana a feira ecolóxica Ágora Verde

A Praza Maior da capital lucense acollerá dende este venres e ata o domingo a feira ecolóxica Ágora Verde. 

Asisitiron ó de presentación a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e o Presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), José Antonio Fernández.

A Alcaldesa valorou a evolución tan positiva da produción ecolóxica en Galicia, sendo Lugo líder no sector, un traballo que lle atribuíu ao gran labor que desenvolve CRAEGA. Lara Méndez tamén se mostrou satisfeita porque Lugo acolla a posta de largo do proxecto Ágora Verde, pois para o Concello esta feira supón un elemento dinamizador máis da cidade, cun importante retorno económico e social para a cidade. Ademais, a rexedora avogou polo sector da agricultura ecolóxica como unha oportunidade económica e de emprego.

Neste senso tamén incidiu López Izquierdo, quen insistiu na agricultura ecolóxica como oportunidade para a provincia luguesa, que concentra máis da metade das 20.000 hectáreas que hai en produción en toda Galicia. Segundo datos oficiais sobre este sector na Comunidade e no último ano, o volume de ventas de produtos aumentou en preto dun 7%, xerando un volume de negocio de 33,3 millóns de euros; e o número de operados incrementouse nun 13%, acadando os 721.

Ágora Verde terá lugar en Lugo os vindeiros días 27, 28 e 29 de maio. O horario será de 17:30 horas ás 21:00 horas o venres; 10:30-14:00/17:30-21:00 horas o sábado; e de 10:30 a 14:00 horas o domingo. Participarán 27 profesionais: Adega, Teixeiro Lemos, Alicornio, Organic, Lucuors, Amorodo, Apega, Avega, Bubela, Cafés Candelas, Landea en Miño, Casa Anxel, Casa de Villarullo, Caurelor, Celtaverde, Cerveixas Pardao, Condado Padaranta, Daiki, Daveiga, Despensa do avó Francisco, Ingapan, Pecado de outono, Ribela, Souto da Trabe, Sovoral, Terra de Baronceli e Vegalsa.

En Monforte de Lemos, a cita será dende 19, 20 e 21 de agosto. En Lourenzá será o 30 de setembro, 1 e 2 de outubro.

Nas tres feiras, haberá actos de promoción dos produtos, talleres, presentacións, debates, encontros en torno a agricultura ecolóxica e o seu futuro en Galicia; showcooking, degustacións ou demostracións.