Loita conxunta contra o furtivismo na ría de Ferrol

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha xuntanza co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, para abordar distintos asuntos do eido marítimo pesqueiro que lle afectan á ría ferrolá. Nela acordaron sumar esforzos entre ambas administracións para loitar contra o furtivismo e mellorar a produtividade da ría.

Na xuntanza, Rosa Quintana e Jorge Suárez acordaron traballar de xeito conxunto contra esta actividade ilegal que minora a produtividade da ría e que supón un risco para a saúde pública, pola posibilidade de comercializar produto sen ter pasado ningún tipo de control que o avale, poñendo en risco o nome do marisco que se extrae en Ferrol.

Nesta liña, a conselleira lembrou que a extracción ilegal de marisco se viu reducida nos últimos anos grazas aos controis constantes do Servizo de Gardacostas de Galicia, o que permitiu maiores capturas dos profesionais, maiores ingresos para as confrarías e unha maior trazabilidade dos produtos, reducindo os riscos para o consumidor. Deste xeito, a conselleira explicoulle ao alcalde que desde o 2008 os datos de comisos e incautacións en Ferrol melloraron substancialmente. Así, salientou que os comisos de bivalvos aumentaron nun 170% e as incautacións de aparellos de pesca medraron un 425%.