Golf e termalismo en Mondariz

O campo de golf Balneario de Mondariz acolle ata o vindeiro 27 de maio, a VII edición do Torneo de golf Peregrinación, un evento deportivo patrocinado por Turismo de Galicia para promover a práctica deste deporte na comunidade galega.

Neste torneo, que está enfocado ao público sénior, participan 169 golfistas da Asociación Española de Séniors de Golf, AESGOLF, procedentes de toda España dos cales 60 participantes proveñen da Comunidade de Madrid e 69 de Cataluña.

Os xogadores do torneo teñen a oportunidade de gozar da oferta turística galega a través dun amplo programa complementario, no cal está previsto un cruceiro pola Ría de Vigo, con visita ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entre outras actividades.

Este evento, ademais de dar a coñecer as posibilidades de Galicia para a práctica do golf, busca tamén a promoción da desestacionalización turística e promover especificamente o turismo de saúde, para os participantes no torneo e os seus acompañantes. Deste xeito, Turismo de Galicia apoia a celebración deste evento deportivo con distintas accións de promoción destinadas a promover tanto o torneo como o propio destino turístico.

O Plan Integral de Turismo de Galicia vén reflectida a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal.