Catro eran catro os itinerarios culturais europeos en Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou que a Xunta de Galicia impulsa catro itinerarios culturais europeos: o Camiño de Santiago, os Camiños da Vide e a Ruta Viquinga e a das Cidades Termais. As ditas declaracións foron feitas na clausura do seminario «Presentando aos Viquingos. Unha perspectiva Europea», enmarcado nun proxecto europeo para o coñecemento e difusión desta cultura.

Nava avogou pola integración da Comunidade neste tipo de itinerarios xa que esta cualificación europea implica un importante recoñecemento cultural e histórico. Neste sentido, enxalzou a Ruta Viquinga, integrada no Itinerario Cultural Europeo de Viquingos e Normandos, que permite realizar un percorrido pola ría de Arousa e polo río Ulla nunha auténtica embarcación viquinga para recrear o avance das naves deste pobo invasor durante a Alta Idade Media. Catoira é o único socio en España deste itinerario.

A maiores, a filla do ex-alcalde de Ponteareas, Pepe Castro, aproveitou a súa intervención para incidir na necesidade de impulsar produtos turísticos que acheguen valor diferencial a Galicia para consolidar a Comunidade como un destino multiexperiencial. 

Exemplificou a aposta do seu departamento polas Rutas da Lamprea (presentadas coa tampada do ciclóstomo xa rematada ou a piques de rematar) , da Camelia ou do Viño e os Tren Turísticos, o Outono Gastronómico ou os Centros para Bicicletas Todo Terreo (BTT).