Buscar/Hemeroteca

viernes, 27 de mayo de 2016

Catro días de Arde Lvcvs e 400 actividades

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou en Porta Miñá o programa do Arde Lvcvs 2016, que por primeira vez, e coincidindo co seu quince aniversario, durará catro días, do 16 ao 19 de xuño. Ao acto tamén asistiron membros das asociacións Lucus Equites, Caetra, Senatus Lucus Augusti, Mercenarios, Asamblearias Lucus Augusti, Guardia Pretoriana, Clan de Breogán, Lugdunum e Trebas Galaicas, así como a concelleira de Cultura e Turismo, Carmen Basadre.

Nesta 15ª edición do Arde Lvcvs haberá unhas 400 actividades diferentes dirixidas a todos os públicos, entre as organizadas polo Concello e as asociacións, das que medio cento son totalmente novas. “O Arde Lvcvs é unha festa dinámica, viva e en constante renovación, por iso cada ano introducimos novidades”, subliñou a rexedora. 

Entre estas novidades destaca o Convivium -unha comida de confraternidade romana-, o musical Hércules, a evocación do nacemento destes festexos, que conmemoran o 15 aniversario do Arde Lucus, un desafío entre titáns, novidosos espectáculos de pirotecnia como O carro de Baco e a proxección dun vídeo en realidade aumentada, entre outros. Numerosas actividades contarán cun intérprete de signos. 

Lara Méndez tamén lembrou que se manteñen actividades de gran éxito, como é o Circo Romano, que reúne a máis de 6.000 persoas en cada edición, e diferentes actuacións teatrais de todas as compañías de teatro na rúa. As entradas poranse á venda a vindeira semana en www.entradaslugo.es e no Centro de Interpretación da Muralla por un prezo de 2 euros.

No hay comentarios: